Saturday 18 de May de 2024

Trescentos escolares de Primaria participaron este venres nunha xornada sobre seguridade viaria na praza do Obradoiro


Con motivo da celebración do Día da Educación Viaria o 10 de xullo, o Concello organizou a Semana da Educación Viaria, un programa de actividades que se pechou precisamente este venres cunha xornada sobre seguridade viaria na praza do Obradoiro. Uns 300 rapaces e rapazas de 4º de Primaria participaron nas actividades, ata as que se achegou durante a mañá o alcalde, Martiño Noriega.

Durante a mañá houbo talleres, música, unha xincana e outras actividades durante unhas horas nas que un dos protagonistas foi Moito Olliño, a mascota do Programa de Educación Viaria da Policía Local. Todos os nenos e nenas puideron participar, por exemplo, no Parque Infantil de Tráfico instalado no Obradoiro e que durante estas última semanas estivo no recinto feiral de Amio.

Houbo diversos talleres, como o de bicicletas, impartido en colaboración con Decathlon, no que os rapaces e rapazas puideron aprender a resolver pequenos problemas técnicos coma un pinchazo, a rotura de freos ou o desaxuste das cadeas. Protección Civil tamén se uniu á xornada cun taller sobre primeiros auxilios.

A participación dos Bombeiros e a súa interacción cos nenos e nenas centrouse na prevención. Impartiron un taller sobre excarceración, no que os participantes puideron contemplar as técnica e materiais empregados nestes supostos. Ademais, prepararon unha xincana na que se combinaron os compoñentes didáctico e lúdico.
Os vehículos e materiais da Policía Local e dos Bombeiros tamén estiveron expostos na praza, para que os pequenos e pequenas puideran facer uso deles e sentirse policías e bombeiros por un día.

Moito Olliño
Esta xornada tamén serviu para a presentación pública da mascota do Programa de Educación Viaria, Moito Olliño. Este personaxe tamén é o protagonista do vídeo sobre seguridade viaria elaborado para o programa e que se proxectou este día. Na gravación participaron algúns nenos e nenas do Colecamiños dos colexios Raíña Fabiola e Pío XII, e tamén do Colexio Peleteiro.

O programa desta xornada sobre seguridade viaria completouse co contacontos musical aXente Corrente, a cargo de Xoglares.